Cultura Galega e emigración:
a galeguidade na diáspora

Inicio » Formación » Curso de alta especialización

Introdución

“Cultura Galega E Emigración: A Galeguidade Na Diáspora” trátase dun curso que ten o obxectivo de abordar o mapeado cultural galego na emigración, con todo o que este achegou tanto aos países de acollida como a Galicia.

A oferta docente divídese en tres niveis:

Nivel Inicial (Curso de Experto/a)

 Nivel Intermedio (Curso de Diplomado/a)

Nivel Avanzado (Curso de Alta Especialización)

Cada un dos tres cursos estará integrado por catro módulos nos que se abordarán os seguintes contidos:

A Historia e Sociedade na Galicia da Diáspora

O Idioma e Escrita Galega na Diáspora

As Artes na Diáspora Galega

Galicia Diversa: Outras realidades da Cultura Galega Actual

Descarga Máis Información.

 

O equipo de profesorado que imparte o Nivel Avanzado (Curso de Alta Especialización) está conformado por docentes e persoal investigador de diversas universidades, institucións e centros de formación galegos.

O Curso de Alta Especialización dividirase en 18 sesións duns 30 minutos cada unha delas. 

Calendario de Relatorios.

Para a superación do curso, o alumnado, alén do seguimento dos relatorios, deberá entregar un Traballo Titorado Aplicado. Unicamente poderán obter o correspondente diploma do curso aquelas alumnas e alumnos que entreguen este traballo e obteñan unha cualificación positiva.

Os prazos e termos concretos para a redacción deste traballo especificaranse na circular inicial do curso.

Esta oferta de formación académica pode resultar de grande interese para colectivos galegos emigrantes e os/as seus/súas descendentes, para estudantado de países con notoria presenza de emigración galega e, en xeral, para estudosos/as das culturas ibéricas e románicas, pois o seu ámbito de acción, como se deduce dos relatorios que incorpora, esténdese tanto polo continente americano coma polo europeo, territorios nos que a Historia e o legado da Cultura de Galicia deixou unha fonda pegada a través dos/das nosos/as emigrantes e onde aínda este herdo é unha realidade vizosa nos nosos días.

Duración: 18 sesións de 30 minutos aproximadamente cada unha delas.

Inicio Curso de Alta Especialización: 17 de outubro do 2022.

Tipoloxía: En liña.

Horarios: Despois da emisión dos distintos relatorios, durante todo o curso o alumnado poderá acceder libremente aos mesmos no repositorio de contidos que terá á súa disposición na plataforma online..

O Curso de Alta Especialización contará cun número máximo de 40 prazas.
É requisito imprescindible para solicitar a inscrición no curso estar en posesión do título de graduado/a universitario/a, licenciado/a universitario/a ou equivalente.

Este requisito documentarase co envío da copia en pdf do título oficial expedido pola correspondente universidade.
Achegarase tamén, noutro pdf, a copia do Expediente Académico expedido pola mesma universidade, na que conste a cualificación académica final da titulación expresada numericamente.
Así mesmo, se a persoa solicitante cursou e superou algún curso previo do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora deberá enviar a(s) copia(s) en pdf da(s) certificación(s) do mesmo(s).

A asignación das prazas rexerase polos seguintes criterios:

1. Terá preferencia na obtención de praza o alumnado que previamente cursase e superase algún curso do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora.
Obterán praza en primeiro lugar aquelas persoas que cursasen e superasen tanto o Curso de Experto/a coma o Curso de Diplomado/a.
De restaren prazas libres, seranlles asignadas ás persoas que cursasen e superasen unicamente un dos dous cursos previos do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora.
En caso de que as solicitudes presentadas por persoas que cursaron e superaron cursos previos do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración:

a Galeguidade na Diáspora sexa superior ao número de prazas que se ofertan seguiranse os seguintes criterios: a) Obterán praza, en primeiro lugar, aquelas persoas que cursaran e superaran os dous cursos previos do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora, que serán ordenadas por estrita orde da cualificación académica final da titulación expresada numericamente no seu Expediente Académico; b) De restaren aínda prazas; obterán acceso ás mesmas aquelas persoas que cursaran e superaran un dos dous cursos previos do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora, que tamén serán ordenadas por estrita orde da cualificación académica final da titulación expresada numericamente no seu Expediente Académico.

2. Se despois de asignar as prazas ao alumnado que cursou e superou algún curso previo do Programa Formativo Cultura Galega e Emigración: a Galeguidade na Diáspora aínda existisen vacantes estas cubriranse coas restantes persoas solicitantes, que serán ordenadas igualmente por estrita orde da cualificación académica final da titulación expresada numericamente no seu Expediente Académico.

As persoas admitidas serán automaticamente beneficiarias dunha bolsa que cubrirá o 100% do prezo da matrícula. É dicir, que poderán participar neste curso de xeito totalmente gratuíto. Ditas bolsas ofrecidas por Fundehsga contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

O prazo de matrícula rematou.
As listas de admitidos/as póderanse revisar aquí a partir do 9 de setembro .

Relación definitiva de admitidos